Unha nova falecida por covid-19 no Asilo de Ribadeo nun día con 34 mortos en Galicia

En toda a provincia a Xunta informou de dous falecidos. Nos últimos cinco días o Sergas rexistrou 130 mortos.

Traslado hospitalario. EFE/SHENKA GUTIÉRREZ

As vítimas da pandemia en Galicia elévanse a 1.752 tras informar o Sergas de 34 novos falecementos con COVID-19 que se rexistraron desde o pasado 27 de xaneiro. Todos eles presentaban patoloxías previas. Na provincia de Lugo rexistráronse dous mortos nos últimos dous días, unha muller de 67 anos na residencia San Lázaro e San Sebastián de Ribadeo falecida este xoves e unha muller de 92 anos no HULA este venres.

A SEGUNDA CIFRA MÁIS ALTA NA PANDEMIA

Esta cifra é a segunda máis alta comunicada en toda a pandemia na Comunidade galega. En concreto, o día 3 de abril Sanidade informou de 27 falecementos, un dato que se igualou esta mesma semana con 27 casos comunicados este luns e superado este mércores, cando transcenderon 29 novas vítimas, e posteriormente este xoves (con 30).

O pasado 1 de abril o departamento autonómico informou de 36 mortes, tamén correspondentes a varios días tras corroborar que se trataban de casos con covid, a cifra máis elevada de toda a crise sanitaria.

Así, e segundo os novos datos do Sergas, o día 27 de xaneiro faleceu unha muller de 90 anos no Complexo Hospitalario da Coruña e outra de 93 que se atopaba na Paz e Ben de Tui.

Doutra banda, o xoves 28, faleceron dous homes de 63 e 80 anos, respectivamente, e tres mulleres de 88, 90 e 78 anos en Complexo Hospitalario de Vigo; dous homes de 79 e 90 anos e catro mulleres, de 72, 87, 83 e 89 anos, no Chuac; dúas mulleres de 88 89 anos no Complexo Hospitalario de Santiago, esta última da residencia de maiores de Ribeira; un home de 98 anos no Hospital Comarcal de Verín e que procedía da residencia Santa María.

DOCE DEFUNCIÓNS ESTE VENRES

A mesma xornada tense constancia dun home de 78 anos no Complexo Hospitalario de Ferrol, unha muller de 90 no mesmo centro pero que procedía da residencia A miña Casa; unha muller de 83 e un home de 92 no CHOP; un home de 61 no seu domicilio en Ponte Caldelas; e unha muller de 67 na residencia San Lázaro e San Sebastián de Ribadeo.

O resto de casos, 12, todos este mesmo venres, son unha muller de 61 anos e outra de 84 no Chuvi, a primeira da residencia Casa A Nosa Señora de Fátima e Cristo Rei de Crecente; un home de 96 no CHUP; unha muller de 85 no Chuac; un home de 64 no CHUS; unha muller de 86 no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee; unha muller de 94 no CHUO e que procedía do Fogar Residencial Branco Amor de Boborás; unha muller de 55 anos da Residencia de gravemente afectados Pai Menni de Betanzos; unha muller de 92 no HULA; dous homes de 77 e 84 na DomusVi de Carballo e un de 91 na residencia Virxe da Clamadoira de Muiños.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here